Deuteronomio 6:1-25
6 Estes son os mandamentos, os preceptos e as ordes que o Señor, voso Deus, mandou ensinarvos, para que os puxesedes en práctica no país ó que ides pasar, para collelo en posesión;
2 de xeito que respécte-lo Señor, o teu Deus, gardando tódolos seus preceptos e os seus mandamentos que eu che ordenei, ti e o teu fillo e mailo teu neto, tódolos días da túa vida, para que se alonguen os teus días.
3 Escoita, Israel, e ten coidado de o practicar, para que sexas feliz e que te multipliques moito, pois tal como cho falou o Señor, Deus dos teus pais, é unha terra que deita leite e mel.
4 Escoita, Israel: O Señor, o noso Deus, é Iavé, o único.
5 Amara-lo Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón, con tódalas túas aspiracións e con toda a túa forza.
6 Os preceptos estes, que eu che mando hoxe, estarán no teu corazón;
7 inculcarásllelos ós teus fillos e falarás deles estando na túa casa e indo polo teu camiño, estando deitado e estando de pé:
8 ataralos á túa man coma sinal, e servirán de adorno entre os teus ollos,
9 escribiralos nos marcos da túa casa e nas túas portas.
10 Cando o Señor, o teu Deus, te faga entrar no país que xurara a teus pais Abraham, Isaac e Xacob, que cho daría a ti, con cidades grandes e fermosas que ti non construíches,
11 con casas cheas de toda clase de riquezas que ti non acumulaches, con pozos escavados que ti non cavaches, con viñas e campos de oliveiras que ti non plantaches: cando ti comas e te fartes,
12 ten moito coidado de non te esqueceres do Señor que te sacou do país de Exipto, da situación de escravitude.
13 Ó Señor, o teu Deus, has de respectar, a El has de adorar; e has de face-lo xuramento, invocando o seu nome.
14 Non vos vaiades tras doutros deuses, deuses dos pobos que vos rodean,
15 porque no medio de ti está un Deus celoso, o Señor, o teu Deus: non sexa que se desfogue contra ti a ira do Señor o teu Deus e te faga desaparecer de sobre a superficie da terra.
16 Non tentéde-lo Señor, voso Deus, tal como o tentastes no lugar de Tentación.
17 Gardade fielmente os mandamentos do Señor, voso Deus, as súas normas e os seus preceptos, os que El vos deu.
18 Fai o que é correcto e honrado ós ollos do Señor. Así atopara-la felicidade e chegarás a coller posesión do bo país, que o Señor lles prometeu con xuramento ós teus pais,
19 botando da túa presencia a tódolos teus inimigos, tal como o dixo o Señor.
20 Velaí que mañá o teu fillo che preguntará deste xeito: ¿Que son estas normas, estes preceptos e estes decretos que o Señor, o noso Deus, vos mandou a vós?
21 Ti responderaslle a teu fillo: Eramos escravos do Faraón en Exipto, pero o Señor sacounos de Exipto con man forte.
22 O Señor puxo diante dos nosos ollos en Exipto grandes e terribles sinais e prodixios contra o faraón e contra toda a súa corte.
23 Pero a nosoutros sacounos de alí co fin de nos ir guiando, ata dárno-la terra que lles prometera baixo xuramento a nosos pais.
24 Entón o Señor mandounos pór en práctica todos estes preceptos, respectando así ó Señor o noso Deus, para sermos sempre felices e para podermos vivir coma hoxe.
25 A nosa xustiza consistirá en que coidemos de pór en obra todos estes mandamentos ante a presencia do Señor, o noso Deus, tal e como El nolo mandou.