Deuteronomio 20:1-20

20  Cando saias para a guerra contra os teus inimigos e vexas cabalos, carros e exército máis numeroso ca ti, non lles teñas medo, pois está contigo o Señor, o teu Deus, o que te fixo rubir do país de Exipto.  E cando esteades cerca do momento da batalla, aproximarase o sacerdote para lle falar ó exército,  e diralle: Escoita, Israel: vós hoxe estades próximos á batalla contra os vosos inimigos; que a vosa coraxuda decisión non se debilite, non teñades medo nin vos alarmedes nin vos empavoricedes coa súa presencia,  xa que o Señor, o voso Deus, avanza convosco para face-la guerra ó voso favor contra os vosos inimigos, co fin de dárvo-la victoria.  Os comisarios falaranlle logo ó exército nestes termos: ¿Quen é o home que ten construída unha casa nova e aínda non a consagrou coa inauguración? Que vaia e se volva á súa casa, non sexa que morra no combate e outro home a consagre coa inauguración.  ¿Quen é o home que ten plantada unha viña e non se aproveitou dela? Que vaia e que se volva á súa casa, non sexa que morra no combate e outro home se aproveite dela.  ¿Quen é o home que se prometeu a unha muller e non casou con ela? Que vaia e se volva á súa casa, non sexa que morra na batalla e outro home case con ela.  E continuarán os comisarios falándolle ó exército e diranlle: ¿Quen é o home que ten medo e que se lle debilita a súa coraxuda decisión? Que vaia e se volva á súa casa, e non faga esmorece-la coraxuda decisión de seus irmáns o mesmo cá súa decisión.  E cando acaben os comisarios de lle falar ó exército, establecerán xefes de exército á fronte da tropa. 10  Cando te aproximes a unha cidade para face-la guerra contra ela, bérralle: ¡Paz!, 11  e se ela responde: ¡Paz! e abre as portas, entón todo o pobo que se atopa dentro dela servirache para traballos forzados e serán escravos teus. 12  Pero se non se fai a paz contigo e presenta combate, entón sitiarala, 13  pois o Señor, o teu Deus, entregaracha no teu poder, e ti matarás a tódolos seus homes ó fío da espada. 14  Soamente has de saquear para ti as mulleres, os meniños, os animais e todo o que haxa na cidade, todo o seu botín, e comera-lo botín dos inimigos que che entregue o Señor, o teu Deus. 15  O mesmo lles has de facer a tódalas cidades que están moi lonxe de ti, porque non son as cidades destes pobos de aquí. 16  As cidades daqueles pobos que o Señor, o teu Deus, che dea en herdanza, son as únicas nas que non deixarás con vida a ningún ser vivente: 17  consagrarás á destrucción sagrada os hititas, os amorreos, os cananeos, os perizitas, os hivitas e os iebuseos, tal como cho mandou o Señor, o teu Deus, 18  para que non vos ensinen a obrar segundo tódalas abominacións que practican en honra dos seus deuses, e deste xeito non pequedes contra o Señor, o voso Deus. 19  Cando lle poñas sitio a unha cidade durante moitos días, facendo a guerra contra ela, co fin de a conquistares, non destrúa-las súas árbores a golpes de machada, pois poderás precisar comer delas; por isto non as cortes, ¿son acaso homes as árbores do campo para que sexan sometidas na túa presencia ó asedio? 20  Soamente poderás destruír e corta-la árbore que saibas que non dá froito comestible, e faralo para poder construír obra de asedio contra a cidade que está facendo a guerra contigo, ata que caia esa cidade.

Notas ó pé