Daniel 2:1-49

2  No ano segundo do seu reinado, Nabucodonosor tivo un soño, e o seu espírito quedou tan turbado que non puido continuar a dormir.  O rei mandou chama-los meigos, astrólogos, agoireiros e adiviños, para que lle explicasen o soño. Eles viñeron e presentáronse ó monarca.  Díxolles o rei: -Tiven un soño, e o meu espírito sente desacougo tratando de comprender.  Respondéronlle os adiviños ó rei, en arameo: -¡Que viva o rei para sempre! Conta o soño ós teus servidores, que nós che exporémo-la súa interpretación.  Respondeu o rei advertíndolles ós adiviños: -¡Xa teño a miña decisión tomada! Se non me dicíde-lo soño e maila súa interpretación, vós seredes cortados en anacos e as vosas casas quedarán reducidas a esterqueiras;  en troques, se me expoñéde-lo soño e mailo seu significado, recibiredes de min regalos, agasallos e grandes honores. Polo tanto contádeme o soño e maila súa interpretación.  Respondendo eles por segunda vez, dixéronlle: -Que o rei diga o soño ós seus servidores, e nós darémo-la interpretación do mesmo.  Replicou o rei: -Ben vexo que estades a gañar tempo, porque xa sabedes que a miña palabra está dada.  Pero se non me dades a coñece-lo soño, haberá para todos vós unha mesma sentencia. Xuntástesvos para me contar mentiras e falsidades en tanto non mudan os tempos. Así que contádeme o soño e quedarei convencido de que o sabedes interpretar. 10  Os adiviños respondéronlle ó rei nestes termos: -Non hai home na terra que poida manifesta-lo que pide o rei; polo mesmo, endexamais ningún monarca -por máis grande e poderoso que el sexa- esixe cousa semellante a ningún meigo, astrólogo ou adiviño. 11  A cousa que o rei pide é difícil e non existe máis ninguén que llo poida dicir ó rei, a non seren os deuses; pero a súa morada non está entre os mortais. 12  Con tal motivo, o rei púxose moi alporizado e ordenou matar a tódolos sabios de Babilonia. 13  Promulgouse o decreto e os sabios ían ser executados. Tamén andaban á procura de Daniel e mais dos seus compañeiros para os mataren. 14  Entón Daniel tivo unha entrevista sabia e asisada con Arioc, xefe da garda real, quen saíra co plan de matar ós sabios de Babilonia. 15  Tomou a palabra e díxolle a Arioc, oficial do rei: -¿Por que un decreto tan severo de parte do rei? Entón Arioc explicoulle o asunto a Daniel. 16  Daniel acudiu onda o rei e suplicoulle que lle concedese un prazo para lle dar a coñece-la interpretación. 17  Voltou Daniel á súa casa e informou acerca do caso á Hananías, Azarías e Mixael, os seus compañeiros, 18  rogándolles que implorasen misericordia do Deus do ceo para que lles revelase aquel segredo e non tivesen que perecer Daniel e mailos seus compañeiros co resto dos sabios de Babilonia. 19  O segredo foille revelado a Daniel nunha visión nocturna, polo que Daniel bendiciu o Deus do ceo, 20  dicindo:“Bendito sexa o nome de Deuspolos séculos dos séculos,pois El ten a sabedoría e mailo poder. 21  El é quen fai muda-los tempos e mailas estacións,depón os reis e entronízaos. El dá sabedoría ós sabiose ciencia ós que entenden. 22  El é quen revela as cousas profundas e mailas ocultas,coñece o que está nas tebras,pois a luz está onda El. 23  Lóuvote e douche as gracias, Deus de meus pais,porque me deches sabedoría e mais forza,e agora mostráchesme o que che pediramos,reveláchesme o asunto do rei”. 24  Despois Daniel foi onda Arioc, a quen o rei encargara o exterminio dos sabios de Babilonia, e díxolle: -¡Non fagas perece-los sabios de Babilonia! Ti lévame a xunto do rei, que eu lle indicarei a interpretación. 25  Arioc introduciu a toda présa a Daniel na presencia do rei, e díxolle: -Achei un home de entre os deportados de Xudá que lle vai indica-la interpretación ó rei. 26  O rei tomou a palabra e preguntoulle a Daniel, a quen se lle chamaba Baltasar. -¿Ti serás capaz de contarme o soño que tiven e maila súa interpretación? 27  Daniel respondeu ante o rei: -O segredo que quere sabe-lo rei non son capaces de llo indicar nin os sabios, nin os astrólogos, nin os bruxos, nin os adiviños; 28  pero no ceo hai un Deus que revela os segredos e El tivo a ben dar a coñecer ó rei Nabucodonosor canto vai suceder no decorrer dos tempos. O teu soño e mailas visións da túa cabeza que tiveches estando na cama, eran estes: 29  Mira, maxestade; as matinacións que acudiron á túa mente no leito versaban sobre canto vai acontecer no futuro, e aquel que revela os segredos deuche a sabe-lo que vai suceder. 30  En canto a min, non é que eu teña unha sabedoría maior que tódolos viventes, senón que me foi revelado este segredo unicamente coa fin de lle manifestar ó rei a interpretación e, de tal xeito, comprénda-las cavilacións da túa mente. 31  Ti, rei, estabas vendo, e velaquí, unha estatua grande. A estatua era enorme, e o seu brillo extraordinario; erguíase diante de ti, e o seu aspecto era terrible. 32  A cabeza da estatua era de ouro puro; o peito e mailos brazos, de prata; o ventre e mailos cadrís, de bronce; 33  as pernas, de ferro; e os pés, parte de ferro e parte de barro. 34  Seguías fitándoa, cando se desprendeu unha pedra sen a tocar ninguén, foi bater contra os pés da estatua, que eran de barro e mais de ferro, e esnaquizounos. 35  Nun instante volvéronse po o ferro e mailo barro, o bronce, a prata e mailo ouro; tornáronse coma a palla miúda das eiras no verán; o vento arramplou con eles sen deixar rastro. Pola súa banda, a pedra que desfixo a estatua creceu e transformouse nunha montaña tan grande que enchía toda a terra. 36  Este foi o soño; agora imos expoñer ante o rei o seu significado: 37  ti, maxestade, rei de reis, a quen o Deus do ceo concedeu o imperio, a forza, o poder e maila maxestade, 38  a quen deu poder sobre os homes, onde queira que eles habiten, sobre os animais do campo e as aves do ceo, para que reines sobre todos eles: ti e-la cabeza de ouro. 39  Despois de ti alzarase outro imperio, inferior ó teu; e, máis adiante, un terceiro imperio que será de bronce e dominará sobre a terra toda. 40  Máis tarde haberá un cuarto imperio, forte coma o ferro; do mesmo xeito que o ferro destroza e tritura todo, tamén el ha destrozar e triturar a tódolos outros. 41  Os pés e mailos dedos que viches, de ferro mesturado con barro de oleiro, representan un reino dividido, aínda terá algo da consistencia do ferro, tal como víche-lo ferro mesturado co barro. 42  Conforme eran as dedas dos pés, en parte de ferro e en parte de barro, así, unha parte do imperio será forte e outra parte será fráxil. 43  O feito de ve-lo ferro mesturado co barro quere dicir que se mesclarán as liñaxes, pero sen se fusionaren unha coa outra, como tampouco o ferro se amalgama co barro. 44  No tempo deses reis, o Deus do ceo suscitará un reino que endexamais non será derrubado nin cederá o poder a outro pobo; máis aínda: destruirá e acabará con todos estes reinos, e el subsistirá para sempre, 45  tal e como viches que se desprendeu a pedra do monte, sen intervención de ningunha man, e esnaquizou o ferro, o bronce, o barro, a prata e mailo ouro. O Deus grande deu a coñecer ó rei canto vai acontecer no futuro. O soño é verdadeiro e a súa interpretación, digna de creto. 46  Entón o rei Nabucodonosor postrouse rostro en terra e rendeulle homenaxe a Daniel, e mandou que lle ofrecesen sacrificios e mais perfumes. 47  O rei dirixiuse a Daniel e díxolle: -Sen dúbida que o voso Deus é o Deus dos deuses e mailo Señor dos reis; El revela os segredos, pois ti fuches capaz de me explicar este segredo. 48  Despois o rei ascendeu a Daniel e outorgoulle numerosos e importantes regalos, nomeouno gobernador da provincia de Babilonia e tamén presidente de tódolos sabios de Babilonia. 49  A petición de Daniel, o rei encargou da administración da provincia de Babilonia a Xadrac, Mixac e Abednegó. Daniel permaneceu na corte real.

Notas ó pé