Evanxeo segundo San Xoán 9:1-41

9  Ó pasar, viu a un cego de nacemento.  Entón preguntáronlle os seus discípulos: -Mestre, ¿quen pecou, para que nacese cego: el ou seus pais?  Xesús respondeu: -Nin pecou el nin os seus pais, senón que está cego para que se mostren nel as obras de Deus.  Precisamos face-las obras do que me mandou mentres é día; está a chega-la noite e daquela ninguén pode traballar.  Mentres eu estou no mundo, son a luz do mundo.  Dito isto, cuspiu na terra e fixo lama co cuspe e untouna polos ollos do cego,  dicíndolle: -Vaite lavar na piscina de Siloé (que quere dicir “enviado”). El foi, lavouse e volveu con vista.  Entón os veciños e os que antes o viran andar a pedir preguntaban: -¿Non é este o que estaba sentado pedindo?  Uns decían: “éche o mesmo”; outros, “non, é un que se lle asemella”; e el dicía: “son eu”. 10  Entón preguntábanlle: -Daquela ¿como se che abriron os ollos? 11  El respondeu: -O home que se chama Xesús fixo lama, untoume os ollos, e díxome: “Vai a Siloé e lávate”. Entón fun e, ó que me lavei, comecei a ver. 12  Preguntáronlle: -¿Onde está ese? El contestou: -Non o sei. 13  Levaron onda os fariseos o que fora cego. 14  (Era sábado o día que Xesús fixera lama e lle abrira os ollos). 15  E outra vez lle preguntaban tamén os fariseos como chegara a ver. El respondeulles: -Untoume lama polos ollos, laveime e vexo. 16  Algúns dos fariseos dicían: “Este home non vén de Deus, que non garda o sábado”. Outros, en cambio, dicían: “¿Como ía poder un home pecador facer estes sinais?” E había división entre eles. 17  Entón preguntáronlle outra vez ó cego: -¿A ti que che parece ese home que lles deu a vista ós teus ollos? El contestou: -Que é un profeta. 18  Os xudeus non lle creron que fose cego e que chegase a ver, ata que chamaron polos seus pais 19  e lles preguntaron: -¿É este o voso fillo, o que vós dicides que naceu cego? Logo ¿como é que agora ve? 20  Os pais responderon: -Nós sabemos que este é o noso fillo e que naceu cego: 21  como é que agora ve, non o sabemos; nin sabemos tampouco quen lle deu a vista. Preguntádelle a el, que ten anos para falar en por si. 22  (Isto dixérono os pais, porque lles tiñan medo ós xudeus, pois xa se puxeran de acordo en que, se alguén o recoñecía coma Mesías, botábano da sinagoga. 23  Por isto dixeron seus pais: “Ten idade, preguntádelle a el”). 24  Chamaron por segunda vez polo home que fora cego e dixéronlle: -Dá gloria a Deus: nós sabemos que ese home é un pecador. 25  El entón respondeu: -Eu non sei se é un pecador; só sei unha cousa: que eu antes era cego e que agora vexo. 26  Dixéronlle entón: -Pero ¿que foi o que che fixo? ¿Como che deu a vista? 27  Respondeulles: -Xa volo dixen e non me fixestes caso. ¿Por que queredes oílo outra vez? ¿Ou é que tamén queredes facervos discípulos del? 28  Eles enchérono de aldraxes e dixéronlle: -Serás ti discípulo del; nós somos discípulos de Moisés. 29  Nós sabemos que a Moisés lle falou Deus; deste, polo contrario, non sabemos de onde é. 30  O home replicoulles: -Pois nisto precisamente está o admirable: en que vós non sabedes de onde é e el déulle-la vista ós meus ollos. 31  Sabemos que Deus non escoita os pecadores, pero se un é piadoso e fai a súa vontade, a ese escóitao. 32  Endexamais non se soubo de ninguén que dese vista a un cego de nacemento: 33  se este non viñese de Deus, non podía facer nada. 34  Respondéronlle eles: -Ti naciches todo metido en pecados ¿e vasnos ensinar a nós? E botárono fóra. 35  Oíu Xesús que o botaran fóra, buscouno e preguntoulle: -¿Cres ti no Fillo do Home? 36  El respondeulle: -¿E quen é, Señor, para que crea nel? 37  Díxolle Xesús: -Éche o mesmo que estás vendo e que está a falar contigo. 38  El dixo: -Creo, Señor. E postrouse diante del. 39  Entón dixo Xesús: -Para realizar un xuízo vin eu a este mundo: para que os que non ven, vexan; e os que ven, se volvan cegos. 40  Oíron isto algúns dos fariseos que estaban onda el, e preguntáronlle: -¿E, logo, nós tamén estamos cegos? 41  Xesús contestoulles: -Se estivesedes cegos, non teriades pecado; mais, como dicides que vedes, o voso pecado permanece.

Notas ó pé