A Xénese 44:1-34

44  Xosé deulle ó seu maiordomo esta orde: -“Ateiga de víveres as sacas, canto poidan levar, e pon o diñeiro de cada un na boca da súa saca.  E a miña copa, a de prata, métea na saca do máis novo, xunto co seu diñeiro”. E el fixo o que Xosé lle ordenou.  Ó amañecer, os homes foron despedidos e marcharon cos seus xumentos.  Saíron da cidade e, cando non ían aínda lonxe, mandou Xosé ó xefe da súa casa: -“Vai detrás deses homes e, cando os atrapes, dilles: ¿Por que pagastes mal por ben?  ¿Non levades aquí a copa onde bebe o meu señor e da que se serve para adiviñar? O que fixestes está mal”.  O home atrapounos e repetíulle-las palabras.  Respondéronlle eles: -“Señor, ¿por que nos falas dese xeito? Lonxe dos teus servos faceren semellante cousa.  Viches que o diñeiro que encontramos na boca das nosas sacas, trouxémoscho desde Canaán. ¿Cómo iamos roubar prata nin ouro da casa do teu señor?  Aquel dos teus servos a quen se lle atope a copa, será reo de morte, e tódolos demais quedaremos como escravos do noso señor”. 10  Díxolles el: -“Que sexa deste xeito: Aquel a quen se lle atope a copa será escravo meu; os demais quedaredes libres”. 11  Cada un baixou de seguida ó chan a súa saca, e abriuna. 12  El comezou a cachear polo maior e acabou polo máis pequeno. E atopou a copa na saca de Benxamín. 13  Eles esgazaron as vestiduras, cargaron os seus xumentos e voltaron para a cidade. 14  Xudá e seus irmáns entraron na casa de Xosé que estaba aínda alí, e postráronse por terra diante del. 15  Xosé díxolles: -“Que feito é ese que fixestes? ¿Non sabiades que un home coma min ten o poder de adiviñar?” 16  Respondeulle Xudá: -“¿Que poderiamos responder ó noso señor? ¿Con que palabras mostra-la nosa inocencia? Deus mostrou culpables ós teus servos. Recoñecémonos escravos de meu señor, o mesmo nós coma o que tiña a copa no seu poder”. 17  Dixo Xosé: -“Lonxe de min facer tal cousa. Aquel que tiña a copa no seu poder quedará por escravo meu. E vós marchade en paz para onda voso pai”. 18  Dirixíndose a Xosé, dixo Xudá: -“Rógoche, meu señor, que lle consintas ó teu servo dicir unha palabra, sen que o meu señor se anoxe. Ti es coma o faraón. 19  O meu señor preguntoulles ós seus servos: ¿Tedes pai ou algún outro irmán? 20  E nós respondémoslle ó meu señor: Temos un pai xa vello e un irmán pequeno, que lle naceu na súa vellez. Un irmán seu, da mesma nai, está xa morto. Agora quedoulle só el, e o pai quéreo moito. 21  Ti dixécheslles entón ós teus servos: Traédemo aquí, para que o vexa cos meus ollos. 22  Nós dixemos ó meu señor: O rapaz non pode deixar só a seu pai, pois se o deixase, morrería. 23  E ti dixécheslles ós teus servos: Se non vén convosco o irmán máis novo, non volveredes ve-la miña cara. 24  Nós voltamos para onda teu servo, noso pai, e referímoslle o que nos dixera o meu señor. 25  Cando noso pai nos mandou: Voltade alá e mercade algo que comer, 26  nós respondémoslle: Non podemos ir alá. Iremos, se noso irmán máis pequeno vai connosco; onda non, non poderemos presentarnos diante daquel home. 27  Entón díxono-lo teu servo, noso pai: Sabedes que a miña muller me deu dous fillos. 28  Un deles foise de onda min, e penso que foi esnaquizado; ata hoxe non o vin máis. 29  Se agora me levades estoutro e lle pasa unha desgracia, enterraredes un vello, que morre cheo de dor. 30  Se eu volvo agora onda teu servo, meu pai, e non vai connosco o rapaz, téndolle o apego que lle ten, 31  en vendo que el falta, morrerá, e nós enterraremos ó teu servo, noso vello pai, colmado de pesar. 32  Este teu servo respondeu ante seu pai polo rapaz, xurando: Se non che volvo o rapaz, quedarei en culpa diante de meu pai por toda a vida. 33  Agora pídoche que poida este teu servo quedar de escravo do meu señor no posto do rapaz, e que poida el subir con seus irmáns. 34  ¿Como podería eu voltar onda meu pai, sen leva-lo rapaz comigo? ¡Que eu non vexa a meu pai en tan grande aflicción!”

Notas ó pé