A Xénese 3:1-24
3 A serpe era o máis arteiro de tódolos animais que o Señor Deus fixera. Díxolle á muller: -“¿Conque Deus vos prohibiu comer do froito das árbores do xardín?”
2 A muller respondeulle: -“Podemos comer do froito das árbores todas do xardín.
3 Soamente da árbore de alá no fondo nos mandou Deus: Non comades dela nin a toquedes, non sexa que morrades”.
4 A serpe insistiu: -“De ningunha maneira morreredes.
5 É que Deus sabe ben que o día en que comades dela, se vos abrirán os ollos e seredes coma Deus, sabedores do ben e do mal”.
6 A muller reparou que o froito da árbore era saboroso, atraente, e bo para adquirir entendemento. E coa mesma colleu do froito e comeu; logo deulle ó seu home, e tamén el comeu.
7 Entón abríronselle-los ollos ós dous e decatáronse de que estaban espidos. Entrelazaron follas de figueira e cinguíronse con elas.
8 Oíron ó Señor Deus camiñar polo xardín ó aire do día, e acocháronse os dous entre as árbores.
9 Mais El chamou polo home, preguntándolle: -“¿Onde estás?”
10 Respondeu o home: -“Oínte no xardín, e tiven medo. Ó verme espido, agacheime”.
11 Preguntoulle o Señor Deus: -“¿Quen che dixo que estabas espido? ¿É que comiches da árbore da que che prohibira comer?”
12 Respondeulle o home: -“A muller que me deches por compañeira ofreceume do froito, e comín”.
13 O Señor Deus díxolle á muller: -“¿Qué é o que fixeches?” E a muller respondeu: -“A serpe enganoume, e comín”.
14 Entón o Señor Deus díxolle á serpe: -“Porque fixeches isto, maldita sexas entre os animais e as feras todas do monte. Andarás arrastrada e comerás po toda a túa vida.
15 Poño hostilidade entre ti e a muller, entre a túa liñaxe e a dela. Ti tentarás de atanguerlle o calcañar, pero ela esmagarache a cabeza”.
16 Á muller díxolle:
-“Terás moitos afáns na túa preñez,parirás con dor os fillos.
Devecerás polo teu home,e el dominarate”.
17 Ó home díxolle: -“Porque lle fixeches caso á túa muller, comendo do froito da árbore que che prohibira comer, por culpa túa será maldita a terra: con traballos tirarás dela a túa mantenza mentres vivas.
18 Producirache silvas e abrollos, e terás que comer herbas silvestres.
19 Comera-lo pan coa túa suor, ata que volvas á terra da que fuches tirado. De feito, ti es po e ó po tes que volver”.
20 O home chamou Eva á súa muller, pois vén se-la nai de tódolos que viven.
21 O Señor Deus fíxolles túnicas de pel ó home e á muller, para se vestiren.
22 Logo o Señor pensou: -“Agora que o home veu ser coma un de nós, en canto a coñece-lo ben e o mal, non vaia ser que tenda a man, colla tamén da árbore da vida, coma do froito, e viva sempre”.
23 E botou ó home do xardín de Edén, para que cultivase a terra da que fora tirado.
24 E despois de botalo do xardín, puxo no oriente querubíns con espadas flamexantes, para cortarlle o paso cara á árbore da vida.