A Xénese 29:1-35
29 Xacob púxose en camiño cara á terra dos orientais.
2 Nun campío viu un pozo e tres fatos de ovellas, deitadas ó pé del, pois no pozo abrevaban os rabaños. O pozo estaba cuberto por unha grande pedra.
3 Cando se xuntaban alí tódolos rabaños, corrían a pedra que tapaba o pozo, abrevaban os rabaños e logo volvían a pedra ó sitio.
4 Xacob preguntoulles ós pastores:
-“Irmáns, ¿de onde sodes?”
Respondéronlle eles: -“Somos de Harán”.
5 E el seguiu: -“¿Coñecedes quizais a Labán, o fillo de Nahor?”
Eles dixeron: -“Coñecemos”.
6 El preguntoulles: -“¿Está ben de saúde?”
Eles dixeron: -“Está ben. Alí chega a súa filla Raquel co seu rabaño”.
7 Xacob dixo: -“Queda moito día por diante, e non son horas de recolle-lo gando aínda. Abrevádeo e levádeo a pacer”.
8 Respondéronlle eles: -“Non podemos, ata que non se xunten tódolos rabaños. Entón corrémo-la pedra que tapa a boca do pozo e tirámoslle-la auga ás ovellas”.
9 Estaba Xacob falando con eles, cando chegou Raquel coas ovellas de seu pai. Ela era a pastora.
10 En vendo Xacob a Raquel, filla de Labán seu parente, coas ovellas deste, botou a man á pedra que tapaba a boca do pozo e correuna
11 e abeberou as ovellas de Labán. Despois deulle un bico a Raquel e rompeu a chorar.
12 Xacob díxolle a Raquel que el era parente de seu pai e fillo de Rebeca. E ela foi correndo dicirllo a seu pai.
13 Cando Labán oíu as novas de Xacob, fillo de súa irmá, correu ó seu encontro, abrazouno, bicouno e levouno á casa. Xacob contoulle a Labán todo o que lle acontecera.
14 E Labán díxolle: -“Somos da mesma carne e do mesmo sangue”. Xacob quedou con el por un mes.
15 Labán faloulle a Xacob: -“¿Vasme servir de balde, por seres meu parente? Dime cal é o teu xornal”.
16 Labán tiña dúas fillas, a máis vella chamábase Lea e a máis nova Raquel.
17 Lea era de ollos apagados, pero Raquel era fermosa e aposta.
18 Xacob quería a Raquel, e díxolle a Labán: -“Servireite sete anos por Raquel, a túa filla máis nova”.
19 Respondeulle Labán: -“Mellor darcha a ti que non a un calquera. Fica, pois, comigo”.
20 Xacob serviu sete anos por Raquel, e parecéronlle uns poucos días, de tanto que a quería.
21 Ó cabo deles díxolle a Labán: -“Dáme a miña muller, pois xa se cumpriu o tempo, e quero xuntarme con ela”.
22 Labán reuniu os homes do lugar e ofreceu un xantar.
23 Chegada a noite, colleu a súa filla Lea, meteuna na tenda de Xacob, e este durmiu con ela.
24 Labán deulle a serva Zilpah á súa filla Lea.
25 Pola mañá decatouse Xacob de que era Lea, e díxolle a Labán: -“¿Que é isto que me fixeches? ¿Non te servira por Raquel? ¿Por que me enganaches?”
26 Respondeulle Labán: -“Onda nós non hai costume de da-la filla máis nova antes cá máis vella.
27 Deixa pasar outra semana e darémosche tamén a outra rapaza, polo servicio de sete anos máis”.
28 Xacob deuno por bo e, ó cabo dunha semana, Labán entregoulle por muller a súa filla Raquel.
29 A Raquel deulle por criada a súa serva Bilhah.
30 Xacob levou tamén consigo a Raquel, e queríaa máis ca a Lea. E serviu a Labán por outros sete anos.
31 Visto que Lea era aborrecida, o Señor fixo fecundo o seu ventre, mentres Raquel era estéril.
32 Lea quedou embarazada e deu a luz un fillo, ó que puxo por nome Rubén, porque dicía: -“O Señor ollou para a miña aflicción, e agora quererame o meu home”.
33 Quedou de novo embarazada, deu a luz outro fillo e exclamou: -“O Señor oíu que era aborrecida e deume estoutro”. E púxolle de nome Simeón.
34 Quedou aínda embarazada, pariu outro fillo e dixo: -“Agora o meu home apegarase a min, pois xa lle dei tres fillos”. Por iso lle puxo o nome de Leví.
35 Quedou outra vez embarazada e deu a luz un cuarto fillo, e dixo: -“Arestora doulle as gracias ó Señor”. Por iso lle puxo o nome de Xudá. E deixou de ter fillos.