Números 7:1-89

7  E aconteceu que o día en que Moisés acabou de construí-lo Tabernáculo e unxilo e mais consagralo con tódolos seus utensilios, consagrou tamén o altar con tódolos seus utensilios,  os príncipes de Israel presentaron unha ofrenda, como cabezas das súas casas patriarcais, isto é, os que eran xefes cando fixeran o censo.  Trouxeron como ofrenda ó Señor seis carros cubertos e doce bois, un carro por cada un dos xefes e un boi por cada un, e presentáronos diante do Tabernáculo.  O Señor díxolle a Moisés:  -“Recibe estas cousas, para que se dediquen ó servicio da Tenda do Encontro, e entrégallelas ós levitas, a cada un conforme o seu oficio”.  Recibiu Moisés os carros e os bois e déullelos ós levitas.  Dous carros e catro bois déullelos ós fillos de Guerxón, conforme ó seu servicio.  Ós fillos de Merarí entregoulles catro carros e oito bois, tamén de acordo coas necesidades do seu oficio, baixo a autoridade de Itamar, fillo do sacerdote Aharón.  Ós fillos de Quehat, non obstante, non lles deu nin carro nin bois, porque teñen ó seu cargo transportar nos ombros as cousas máis santas. 10  Os xefes presentaron as súas ofrendas pola dedicación do altar, no día en que foi unxido: cada un presentou as súas ofrendas diante do altar. 11  E díxolle o Señor a Moisés: -“Que os príncipes presenten a súa ofrenda para a dedicación do altar, un cada día”. 12  A orde de presentación foi esta: o primeiro día fixo a ofrenda Nahxón, fillo de Aminadab, pola tribo de Xudá. 13  A súa ofrenda foi: unha fonte de prata, que pesaba cento trinta siclos e unha artesa de prata de setenta siclos de peso, conforme o siclo do santuario, ámbalas dúas cheas de flor de fariña amasada con aceite para a oblación; 14  unha taza toda de ouro de dez siclos, chea de incenso; 15  un xuvenco, un carneiro e un año dun ano para o holocausto; 16  un chibo para o sacrificio de expiación; 17  e para o sacrificio de comunión dous bois, cinco carneiros, cinco chibos e cinco años dun ano. Toda esta foi a ofrenda de Nahxón, fillo de Aminadab. 18  O segundo día fixo a ofrenda Natanael, fillo de Suar, príncipe de Isacar. 19  Ei-la súa ofrenda: unha fonte de prata de cento trinta siclos de peso e unha artesa de prata de setenta siclos de peso, conforme o siclo do santuario, ámbalas dúas cheas de flor de fariña amasada con aceite para a oblación; 20  unha taza toda de ouro de dez siclos, chea de incenso; 21  un xuvenco, un carneiro, un año dun ano para o holocausto, 22  un chibo para o sacrificio expiatorio polo pecado; 23  e para o sacrificio de comunión, dous bois, cinco carneiros, cinco chibos gordos, cinco años dun ano. Tal foi a ofrenda de Natanael, fillo de Suar. 24  O terceiro día ofrendou Eliab, fillo de Helón, príncipe dos fillos de Zebulón. 25  A súa ofrenda foi: unha fonte de prata de cento trinta siclos de peso, unha artesa de prata de setenta siclos, conforme o siclo do santuario, ámbalas dúas cheas de flor de fariña amasada con aceite para a oblación; 26  unha taza de ouro de dez siclos, chea de incenso; 27  un xuvenco, un carneiro, un año dun ano para o holocausto, 28  un chibo para o sacrificio polo pecado; 29  e para o sacrificio de comunión dous bois, cinco carneiros, cinco chibos gordos, cinco años dun ano. Esta foi a ofrenda de Eliab, fillo de Helón. 30  O día cuarto presentou Elisur, fillo de Xedeur, príncipe dos fillos de Rubén, a súa ofrenda. 31  A súa ofrenda foi: unha fonte de prata de cento trinta siclos de peso, unha artesa de prata de setenta siclos, conforme o siclo do santuario, ámbalas dúas cheas de flor de fariña amasada con aceite para a oblación; 32  unha taza de ouro de dez siclos chea de incenso; 33  un xuvenco, un carneiro dun ano para o holocausto, 34  un chibo para o sacrificio polo pecado; 35  e para o sacrificio de comunión dous bois, cinco carneiros, cinco chibos gordos e cinco años dun ano. Esta foi toda a ofrenda de Elisur, fillo de Xedeur. 36  O día quinto ofrendou Selumiel, fillo de Surixadai, príncipe dos fillos de Simeón. 37  A súa ofrenda foi: unha fonte de prata de cento trinta siclos de peso, conforme ó siclo do santuario, unha artesa de prata de setenta siclos de peso, conforme o siclo do santuario, ámbalas dúas cheas de flor de fariña, amasada con aceite para a oblación; 38  unha taza de ouro de lei de dez siclos, chea de incenso; 39  un xuvenco, un carneiro, un año dun ano para o holocausto; 40  un chibo para o sacrificio polo pecado; 41  e para o sacrificio de comunión dous bois, cinco carneiros, cinco años dun ano. Toda esta foi a ofrenda de Xelumiel, fillo de Surixadai. 42  O día sexto, Eliasaf, fillo de Deuel, príncipe dos fillos de Gad, fixo a súa ofrenda. 43  A súa ofrenda foi: unha fonte de prata de cento trinta siclos de peso e unha artesa de prata de setenta siclos, conforme o siclo do santuario, ámbalas dúas cheas de flor de fariña amasada con aceite para a oblación; 44  unha taza de ouro de dez siclos, chea de incenso; 45  un xuvenco, un carneiro, un año dun ano para o holocausto; 46  dous bois, cinco carneiros, cinco chibos gordos e cinco años dun ano para o sacrificio de comunión. 47  Toda esta foi a ofrenda de Eliasaf, fillo de Deuel. 48  O día sétimo, Elixamá, fillo de Amihud, príncipe dos fillos de Efraím, 49  fixo a súa ofrenda, que foi: unha fonte de prata de cento trinta siclos de peso, unha artesa de prata de setenta siclos, conforme ó siclo do santuario, ámbalas dúas cheas de flor de fariña amasada con aceite para a oblación; 50  unha taza de ouro de dez siclos, chea de incenso; 51  un xuvenco, un carneiro e un año dun ano para o holocausto; 52  un chibo para o sacrificio polo pecado; 53  dous bois, cinco carneiros, cinco chibos gordos e cinco años dun ano para o sacrificio de comunión. Esta foi a ofrenda de Elixamá, fillo de Amihud. 54  O día oitavo, o príncipe dos fillos de Menaxés, Gamaliel, fillo de Pedahsur, 55  presentou a súa ofrenda, que foi: unha fonte de prata de cento trinta siclos de peso, unha artesa de prata de setenta siclos, conforme o siclo do santuario, ámbalas dúas cheas de flor de fariña, amasada en aceite, para a oblación; 56  unha taza de ouro de dez siclos, chea de incenso; 57  un xuvenco, un carneiro e un año dun ano, para o holocausto; 58  un chibo para o sacrificio polo pecado; 59  para o sacrificio de comunión dous bois, cinco carneiros, cinco años dun ano. Toda esta foi a ofrenda de Gamaliel, fillo de Pedahsur. 60  O día noveno o príncipe dos fillos de Benxamín, Abidán, fillo de Guideón, 61  fixo a súa ofrenda: unha fonte de prata de cento trinta siclos de peso, unha artesa de prata de setenta siclos, conforme o siclo do santuario, ámbalas dúas cheas de flor de fariña, amasada en aceite, para a oblación; 62  unha taza de ouro de dez siclos chea de incenso; 63  un xuvenco, un carneiro e un año dun ano para o holocausto; 64  un chibo para o sacrificio polo pecado; 65  e para o sacrificio de comunión dous bois, cinco carneiros, cinco chibos gordos e cinco años dun ano. Esta foi a ofrenda de Abidán, fillo de Guideón. 66  O décimo día, o príncipe dos fillos de Dan, Ahiézer, fillo de Amixadai, 67  presentou a súa ofrenda: unha fonte de prata de cento trinta siclos de peso, unha artesa de prata de setenta siclos, conforme ó siclo do santuario, ámbalas dúas cheas de flor de fariña, amasada en aceite, para a oblación; 68  unha taza de ouro de dez siclos, chea de incenso; 69  un xuvenco, un carneiro e un año dun ano para o holocausto; 70  un chibo para o sacrificio polo pecado; 71  e para o sacrificio de comunión, dous bois, cinco carneiros, cinco chibos gordos e cinco años dun ano. Esta foi a ofrenda de Ahiézer, fillo de Amixadai. 72  O undécimo día, o príncipe dos fillos de Axer, Paguiel, fillo de Ocrán, 73  presentou a súa ofrenda: unha fonte de prata, de cento trinta siclos de peso, unha artesa de prata de setenta siclos, conforme o siclo do santuario, ámbalas dúas cheas de flor de fariña, amasada con aceite, para a oblación; 74  unha taza de ouro de dez siclos, chea de incenso; 75  un xuvenco, un carneiro e un año dun ano para o holocausto; 76  un chibo para o sacrificio polo pecado; 77  para o sacrificio da comunión dous bois, cinco carneiros, cinco chibos gordos e cinco años dun ano. Esta foi a ofrenda de Paguiel, fillo de Ocrán. 78  O duodécimo día, o príncipe dos fillos de Naftalí, Ahirá, fillo de Enán, 79  presentou a súa ofrenda: unha fonte de prata de cento trinta siclos de peso, unha artesa de prata de setenta siclos, conforme ó siclo do santuario, ámbalas dúas cheas de flor de fariña amasada en aceite para a oblación; 80  unha taza de ouro de dez siclos, cheo de incenso; 81  un xuvenco, un carneiro e un año dun ano para o holocausto; 82  un chibo para o sacrificio polo pecado; 83  e para o sacrificio de comunión dous bois, cinco carneiros, cinco chibos gordos e cinco años dun ano. Esta foi a ofrenda de Ahirá, fillo de Enán. 84  As ofrendas presentadas polos príncipes de Israel con motivo da dedicación do altar, cando foi consagrado, foron estas: fontes de prata, doce; artesas de prata, doce; tazas de ouro, doce. 85  Cada fonte de prata pesaba cento trinta siclos e cada artesa de prata setenta siclos: en total a prata das fontes e vacías foi de dous mil catrocentos siclos de prata, conforme o siclo do santuario. 86  As doce tazas de ouro cheas de incenso, todas elas de ouro de lei, en siclos do santuario sumaron un total de cento vinte siclos. 87  A suma dos animais para o holocausto: doce xuvencos, doce carneiros, doce años dun ano, coas súas oblacións correspondentes; e para o sacrificio polo pecado, doce chibos. 88  O total dos animais para o sacrificio de comunión foi de vintecatro xuvencos, sesenta carneiros, sesenta chibos gordos, e sesenta años dun ano. Todo isto con motivo da dedicación do altar despois da súa consagración. 89  Cando Moisés entraba na Tenda do Encontro para falar con Deus, escoitaba a voz que lle falaba desde o propiciatorio, que estaba sobre a Arca do Testemuño, entre os dous querubíns: faláballe desde alí.

Notas ó pé