Números 35:1-34
35 O Señor díxolle a Moisés nas planicies de Moab, na beira do Xordán, de fronte de Xericó:
2 -“Ordénalles ós fillos de Israel que da súa herdanza en propiedade lles dean ós levitas cidades para habitaren, e entregarédeslles tamén as terras de arredor.
3 As cidades serviranlles de morada e as terras serán para o seu gando, a súa facenda e tódolos seus animais.
4 Esas terras das cidades que lles tedes de dar ós levitas desde a muralla da cidade para afora, terán mil cóbados en roda.
5 Mediredes, pois, no exterior da cidade: pola parte de oriente, dous mil cóbados; pola parte meridional, dous mil cóbados; pola parte do occidente, dous mil cóbados; e pola parte septentrional, dous mil cóbados, ficando a cidade no centro. Estas serán as terras arredor das cidades.
6 As cidades que tedes de dar ós levitas serán as seis cidades de asilo que estableceredes para que se refuxie alí o homicida; e, ademais delas, darédeslles corenta e dúas cidades.
7 O total das cidades que tedes de dar ós levitas, será corenta e oito cidades, cada unha coas súas terras.
8 As cidades que tedes de dar serán tomadas da propiedade dos fillos de Israel: de quen ten moito tomaredes moito, e de quen ten menos tomaredes menos; cada un dará das súas cidades para os levitas na proporción da herdanza que teña recibido”.
9 Díxolle o Señor a Moisés:
10 -“Fálalles ós fillos de Israel: Cando deades pasado o Xordán cara o país de Canaán,
11 escolleredes cidades que serán para vós cidades de asilo, e alá refuxiarase o homicida que mate a unha persoa sen querer.
12 Estas cidades serviranvos de asilo contra o vingador do sangue, para que o homicida non morra antes de que sexa xulgado ante a comunidade.
13 Reservaredes, pois, seis cidades de asilo:
14 tres cidades do lado de alá do Xordán e outras tres na terra de Canaán. Serán cidades de asilo.
15 Para os fillos de Israel, o estranxeiro e o que mora no medio de vós, esas seis cidades serán de asilo, para que alí se refuxie todo aquel que mate a unha persoa sen querer.
16 Pero se o feriu con instrumento de ferro e o mata, é un homicida; o homicida terá que morrer sen remedio.
17 Se o feriu con pedra tirada coa man, capaz de causa-la morte, e mata, é un homicida; o homicida morrerá sen remedio.
18 Se o feriu cun pau capaz de causa-la morte, e mata, é un homicida; o homicida morrerá sen remedio.
19 O vingador do sangue matará por si mesmo ó homicida; cando o encontre, matarao.
20 Se alguén por odio derruba a outro ou por inimizade lanza algo contra el, e o mata,
21 ou se por inimizade o fere coa súa man e morre, o agresor morrerá sen remedio; é un homicida. O vingador do sangue matará ó homicida cando o encontre.
22 Pero se o derrubou por casualidade, sen odio, ou lanzou sobre el calquera cousa sen intención de lle facer dano;
23 ou, sen o ver, lle deu cunha pedra capaz de causa-la morte, e o mata, cando non o odiaba nin buscaba o seu dano,
24 a asemblea do pobo xulgará entre o que feriu e o vingador do sangue, segundo estas leis.
25 A comunidade librará ó homicida da man do vingador do sangue e conducirao á cidade de asilo, onde estea refuxiado. Habitará alí ata a morte do sumo sacerdote, unxido co santo óleo.
26 Mais se o homicida sae do límite da súa cidade de asilo, onde está refuxiado,
27 e o vingador do sangue o atopa fóra do límite da súa cidade de asilo, onde estaba refuxiado, e o mata, non será reo de sangue,
28 porque o homicida debe habitar na súa cidade de asilo ata a morte do sumo sacerdote. Soamente despois de morrer este, poderá o homicida regresar á terra da súa propiedade.
29 Estas disposicións constituirán para vós normas de dereito nas vosas sucesivas xeracións en tódalas vosas moradas.
30 Se alguén mata a unha persoa, daráselle morte, por declaración de testemuñas; pero unha soa testemuña non abondará para condenar unha persoa á morte.
31 Non aceptaredes rescate pola vida dun homicida que é reo de morte, pois terá que morrer sen remedio.
32 Tampouco aceptaredes rescate por quen se refuxiou na súa cidade de asilo, para que volva habitar no país, ata a morte do sacerdote.
33 Non deixaredes profana-la terra na que vivides, porque o sangue profana a terra, e polo sangue derramado na terra non se pode facer expiación máis ca mediante o sangue de quen a verteu.
34 Non profanaréde-la terra na que habitades, e na que tamén estou eu, pois eu, o Señor, moro no medio dos fillos de Israel”.