Números 12:1-16
12 María e Aharón murmuraron de Moisés por causa da muller cuxita, coa que casara.
2 Dixeron: -“¿Por ventura o Señor lle falou a el só? ¿Non nos ten falado tamén a nós? E chegou isto ós oídos do Señor”.
3 Era Moisés un home moi humilde, máis ca tódolos homes que había na terra.
4 E de seguida díxolles o Señor a Moisés, Aharón e María: -“¡Saíde vós os tres á Tenda do Encontro!” Saíron, logo, eles tres,
5 e, descendendo o Señor na columna de nube, parou á entrada da Tenda e chamou a Aharón e María. Saíron ámbolos dous
6 e díxolles El: -“¡Escoitade ben as miñas palabras! Se entre vós hai algún profeta, eu, o Señor, en visión revélome a el, e fálolle en soños.
7 Non ocorre así co meu servo Moisés, que é fiel entre tódolos da miña casa.
8 Cara a cara falo con el, en visión directa e non por enigmas, e contempla a figura do Señor. ¿Como non temestes vós falar contra o meu servo, contra Moisés?”
9 Acendeuse a cólera do Señor contra eles, e foise.
10 E a nube retirouse da Tenda, e coa mesma María apareceu cuberta de lepra, branca coma a neve. Aharón volveuse para María e viuna leprosa.
11 Díxolle Aharón a Moisés: -“¡Por favor, meu Señor, non poñas sobre nós este pecado, que neciamente cometemos!
12 ¡Rógoche que non sexa ela coma o nacido morto, que ó saír do ventre de súa nai ten xa consumida a metade da súa carne!”
13 Moisés clamou ó Señor: -“¡Ou Deus, por favor, cúraa!”
14 O Señor díxolle a Moisés:
-“Se o pai dela lle cuspise no rostro, ¿non quedaría ela en vergonza durante sete días? ¡Estea, pois, recluída sete días fóra do campamento, e despois poderá ser outra vez chamada”!
15 María foi, pois, recluída sete días fóra do campamento, e o pobo non partiu ata que María non foi chamada de novo.
16 Despois o pobo partiu de Haserot e foi acampar no deserto de Parán.