Levítico 5:1-19
5 Se unha persoa peca porque, citado con xuramento como testemuña de vista ou de oído, non declarou, cargará coa súa culpa.
2 Se alguén, sen se decatar, toca algo impuro, coma o cadáver dunha fera impura, ou o dun animal impuro, ou o dun reptil impuro, cando se decate diso, faise impuro e culpable.
3 Igualmente se, sen se decatar, toca algunha impureza humana de calquera caste das impurezas que manchan, cando se decate, faise culpable.
4 Se alguén, sen se decatar, fai un xuramento cos seus labios, sexa para mal ou para ben, dicindo as verbas coas que a xente adoita xurar, cando se decate, faise culpable.
5 Se de calquera maneira alguén se fixo culpable, declare o pecado cometido
6 e, como expiación por tal pecado, presentará diante do Señor unha víctima de gando miúdo, femia de ovella ou cabra, e o sacerdote fará con ela a expiación polo delito.
7 Se non tivese nin sequera unha res de gando miúdo, ofrecerá a Iavé polo pecado cometido dúas rulas ou dous pichóns de pomba, un como expiación polo pecado e o outro como holocausto.
8 Presentarallos ó sacerdote e ofrecerá primeiro o da expiación polo pecado, retorcéndolle polo pescozo a cabeza sen lla arrincar.
9 Co sangue da víctima asperxerá as paredes do altar, e verterá o resto do sangue ó pé do altar. É unha expiación polo pecado.
10 Despois ofrecerá a do holocausto, seguindo o rito acostumado, e o sacerdote fará con el a expiación polo pecado, e seralle perdoado.
11 Pero se nin sequera ten dúas rulas nin dous pombiños, ofrecerá, como oblación súa polo seu pecado, a décima parte dun efah de flor de fariña, sen lle botar aceite, nin lle pór incenso, por ser ofrenda polo pecado.
12 Levaralla ó sacerdote, quen collerá unha presa da fariña, como lembranza, e queimaraa no lume do altar do Señor. É un sacrificio polo pecado.
13 Con isto o sacerdote expiará o pecado cometido dalgunha destas maneiras e quedaralle perdoado. O resto da ofrenda pertence ó sacerdote, como na oblación normal”.
14 O Señor díxolle a Moisés:
15 -“Se alguén comete, sen se decatar, un pecado de fraude, diminuíndo algo das ofrendas consagradas ó Señor, presentará do seu gando miúdo, como reparación ó Señor, un carneiro sen chata; avaliarao en siclos de prata, conforme se adoita no santuario, como sacrificio de expiación.
16 Polo prexuízo causado ó santuario, sacando do consagrado, devolverá todo engadíndolle un quinto máis. Entregarallo ó sacerdote, quen coa ofrenda do carneiro, expiará polo pecado, e seralle perdoado.
17 Calquera que teña pecado, facendo, sen se decatar, algo que o Señor privou de facer, faise culpable ó coñecelo, e queda obrigado a expia-la súa culpa.
18 Presentará ó sacerdote un carneiro do seu gando miúdo sen chata, avaliado en proporción ó delito, e con el expiará o sacerdote polo pecado cometido sen decatarse do que facía, e quedaralle perdoado.
19 É unha reparación, unha verdadeira reparación diante do Señor”.