Isaías 42:1-25
42 Velaí o meu servo, a quen teño collido da man;velaí o meu escollido no que eu me comprazo.
Teño posto sobre el o meu espírito:
dictaralles sentencia xusta ás nacións.
2 Non berrará,non levantará a súa voz nin a fará oír nas rúas.
3 Canivela fendida non a romperá,e torcida esmorecente non a apagará.
Con fidelidade proclamará a xustiza,
4 non desfalecerá nin crebaráata establecer na terra a xustiza,e a súa lei, que esperan as nacións.
5 Así fala, Deus, o Señor,o que crea o ceo e o estende, o que sustenta a terra e os seus productos,o que lle dá alento ó pobo que hai sobre ela, e espírito ós que camiñan por ela:
6 Eu, o Señor, chameite por causa da xustiza, collinte pola man e protexinte,e convertinte en Alianza dun pobo e en luz das nacións,
7 para que lles ábra-los ollos ós cegos, para que libres do cárcere ós presos,da prisión ós que viven na escuridade.
8 ¡Eu, Iavé, este é o meu Nome!
A miña gloria a outro non lla dou; nin a miña louvanza ós ídolos.
9 As antigas prediccións xa chegaron, e as novas estounas a anunciar:
antes de que despunten, fágovolas oír.
10 Cantádelle ó Señor un cántico novo; a súa louvanza, desde o confín da terra.
Serán humillados o mar e todo o que o enche, as ribeiras e os seus habitantes.
11 Serán enaltecidos o deserto e as súas cidades, as fondas veigas onde habita Quedar.
Exultarán os habitantes de Sela, berrarán lediciosos desde o cume dos montes.
12 Daranlle gloria ó Señor, e pregoarán nos países costeiros.
13 O Señor sae coma un heroe, coma un guerreiro excita a súa bravura, berra, bota aturuxos de guerra, contra os seus inimigos mostra o seu poder:
14 “Levo quedo desde hai moito, estou en silencio, contéñome.
Coma a muller que está no parto, berro, suspiro e acaso todo ó mesmo tempo.
15 Vou asola-los montes e os outeiros, vou secar todo o seu verdor;vou converte-los ríos en barrancos e vou reseca-las lagoas.
16 Farei camiña-los cegos por un vieiro que non coñecen, por corredoiras descoñecidas fareinos ir.
Converterei diante deles a escuridade en luz, e as revoltas do camiño en dereitura.
Estas cousas fareillas; si, non os abandonarei”.
17 Eles deron a volta cara atrás. Avergonzaranse os que confían nos ídolos,os que lles din ás imaxes fundidas: “Vós sóde-lo noso deus”.
18 ¡Escoitade vós, mudos! ¡Fixádevos ben para ver, vós, cegos!
19 ¿Quen é o cego, senón o meu servo? ¿Quen é o mudo, senón o mensaxeiro que eu enviei?
¿Quen está cego? -O meu enviado. ¿Quen está mudo? -O servo do Señor.
20 Olla moito, pero non cumpre; abre os oídos, pero non fai caso.
21 Por amor á súa xustiza, o Señor quere engrandecer e glorifica-la súa lei.
22 Pero este é un pobo saqueado e arruinado.
Todos eles están pechados en covas, e presos no cárcere.
Serviron de botín, e non houbo quen os librase; serviron de pillaxe, e non houbo quen dixese: “Devólveos”.
23 ¿Quen de entre vós escoitará isto, prestará atención e fará caso para o futuro?
24 ¿Quen entregou Xacob á pillaxe e Xerusalén ó saqueo?
¿Acaso non foi o Señor contra quen nós pecamos?
Si, non quixeron camiñar polo seu vieiro nin fixeron caso da súa lei,
25 por isto o Señor verteu sobre o pobo o furor da súa ira e a súa forza de guerra,que o consumiron de todo sen que se decatase, e que prenderon nel sen que o advertisen.