Isaías 39:1-8
39 No tempo aquel o rei de Babilonia Merodak-Baladán, fillo de Baladán, mandou funcionarios e regalos a Ezequías xa que oíra que estivera enfermo e se puxera bo.
2 Ezequías alegrouse moito con eles, e mostróulle-la casa do tesouro, a prata e mailo ouro, o bálsamo e mailos aceites preciosos, e toda a súa adega; e todo o que se atopaba nos seus almacéns; non houbo cousa que non lles ensinase no seu pazo e en todo o seu dominio.
3 Entón foi o profeta Isaías onda o rei Ezequías e díxolle:
“¿Que dixeron eses homes? ¿De onde viñeron onda ti?”
Contestoulle Ezequías:
“Viñeron onda min dun país afastado, de Babilonia”.
4 El volveulle preguntar:
“¿Que viron no teu pazo?”
Respondeu Ezequías:
“Viron todo o que hai no meu pazo; non houbo cousa nos meus almacéns que eu non llela mostrase”.
5 Entón Isaías díxolle a Ezequías:
“Escoita a palabra do Señor dos Exércitos:
6 velaí chegan días nos que será levado a Babilonia todo o que hai no teu pazo e todo o que amorearon os teus pais ata o día de hoxe; non quedará cousa ningunha desas. Díxoo o Señor.
7 Tamén collerán algúns dos teus fillos, ós que ti enxendraras, e serán oficiais no pazo do rei de Babilonia”.
8 Entón díxolle Ezequías a Isaías:
“É boa a palabra que o Señor pronunciou”.
Pois pensaba: “Cando menos que haxa paz e seguridade nos meus días”.