Terceira Carta de San Xoán 1:1-14

1  Eu, o Presbítero, escríbolle ó benquerido Gaio, a quen amo na verdade.  Meu amigo, pido para ti saúde e que o éxito en tódolos teus asuntos te acompañe sempre.  ¡Canto me alegrei cando chegaron uns irmáns e nos falaron da túa aceptación da mensaxe, de como vives na verdade!  Para min non hai alegría meirande ca esta: a de oír que os meus fillos viven de acordo na verdade.  Meu amigo, estaste comportando conforme a fe en todo o que fas polos irmáns e maiormente polos irmáns forasteiros.  Eles diante da comunidade falaron ben do teu amor. Farías ben en seguir fornecéndoos para a viaxe, como Deus manda.  Pois, por mor do Nome marcharon sen recibiren nada dos pagáns.  Por iso, nós témo-la obriga de axudar a homes coma estes, para sermos colaboradores do anuncio da verdade.  Escribinlle unha carta a esa comunidade, pero o dominante Diotrefes non nos acepta. 10  Por iso, cando vos vaia ver, botareille na cara o que fai, as palabras malignas con que nos denigra. Ademais, non satisfeito con isto, nin acepta el os irmáns, nin llelo permite facer ós que os queren aceptar e bótaos fóra da comunidade. 11  Meu amigo, non imíte-lo mal senón o ben. Quen obra ben, vén de Deus. Quen obra mal, endexamais non viu a Deus. 12  Do Demetrio todos falan ben e falan a verdade. E nós tamén falámo-lo ben e sabes que o noso testemuño é conforme a verdade. 13  Aínda teño moitas cousas que che dicir, pero non o quero facer con tinta e pluma. 14  Espero verte moi axiña e falar cara a cara.

Notas ó pé