Libro Segundo de Samuel 9:1-13

9  David preguntou: -“¿Queda alguén da familia de Xaúl a quen eu poida favorecer por mor de Ionatán?”  Da casa de Xaúl había un criado que se chamaba Sibá. Mandárono vir onda David e o rei preguntoulle: -“¿Es ti Sibá?” E el respondeulle: -“Servidor”.  O rei seguiu: -“¿Queda alguén da familia de Xaúl a quen eu lle poida mostra-la bondade de Deus?” Sibá respondeulle ó rei:-“Queda un fillo de Ionatán, tolleito dos dous pés”.  O rei preguntoulle: -“¿Onda está?” E Sibá díxolle: -“Está en Lodabar, na casa de Maquir, fillo de Amiel”.  O rei David mandouno traer de Lodabar, de onda Maquir.  Chegado xunto a David, Mefibóxet, fillo de Ionatán, fillo de Xaúl, saudouno postrado polo chan. David preguntoulle: -“¿Es ti Mefibóxet?” E el respondeulle: -“Servidor”.  David díxolle: -“Non teñas medo. Quero favorecerte, por mor do teu pai Ionatán. Devolvereiche tódalas terras do teu avó Xaúl e ti comerás sempre á miña mesa”.  Mefibóxet inclinouse e dixo: -“¿Quen é este teu servo, para que lle deas atención a un can morto coma min?”  O rei chamou a Sibá, criado de Xaúl, e díxolle: -“Todo o que pertencía a Xaúl e a súa familia quero que se lle dea ó fillo do teu amo. 10  Ti, os teus fillos e os teus criados traballarédeslle as terras ó fillo do teu amo, para que a súa casa teña pan. Pero Mefibóxet, o fillo do teu amo, comerá sempre á miña mesa”. Sibá tiña quince fillos e vinte escravos. 11  E dixolle ó rei: -“O teu servo fará o que o rei, meu señor, dispoña”. 12  Mefibóxet tiña un fillo pequeno que se chamaba Micá. A familia de Sibá estaba toda ó servicio de Mefibóxet. 13  Este habitaba en Xerusalén porque comía á mesa do rei. Estaba coxo dos dous pés.

Notas ó pé