Libro Segundo dos Reis 9:1-37

9  O profeta Eliseo chamou a un dos fillos dos profetas e encargoulle: -“Cingue o cinto, colle este frasco de aceite e vai a Ramot de Galaad.  Cando chegues alá, pescuda onde está Iehú, fillo de Ioxafat, fillo de Nimxí. Entras onda el, afástalo dos seus compañeiros e lévalo a un sitio reservado.  Cólle-lo frasco do aceite e vérquesllo na cabeza, dicindo: isto di o Señor: únxote por rei de Israel. Logo ábre-la porta, e vaste, sen máis demora”.  O xove profeta foi a Ramot de Galaad.  Chegou e encontrou en xunta ós xefes do exército, e dixo: -“Teño unha palabra para ti, xefe”. Iehú preguntou: -“¿Para quen de nós?” El respondeulle: -“Para ti, xeneral”.  Iehú levantouse e entrou na casa, e o profeta verqueulle o aceite na cabeza, dicindo: -“Isto di o Señor, Deus de Israel: únxote por rei do pobo do Señor, de Israel.  Desbaratara-la casa de Acab, teu señor, e eu vingarei en Iezabel o sangue dos meus servidores, os profetas, e o sangue de tódolos servos do Señor.  Perecerá toda a familia de Acab. Exterminareille a Acab en Israel todo varón, escravo ou libre.  Farei coa familia de Acab o que fixen coa de Ieroboam, fillo de Nabat, e coa de Baxá, fillo de Ahías. 10  E a Iezabel comerana os cans no agro de Iezrael, sen que ninguén lle dea terra”. Dito iso, o profeta abriu a porta e marchou. 11  Iehú saíu para xuntarse cos oficiais do seu soberano, que lle preguntaron: -“¿Vai todo ben? ¿Que che quería ese tolo?” El respondeulles: -“Xa coñecéde-lo home e a súa canción”. 12  Pero eles insistiron: -“¡Men-tira! ¡Conta, conta!” Iehú entón confesoulles: -“Exactamente díxome así: isto di o Señor: únxote por rei de Israel”. 13  De seguida colleron eles cadanseu manto, botáronos ós seus pés, sobre as gradas, tocaron a trompeta e aclamaron: -“¡Iehú é rei!” 14  Entón Iehú, fillo de Ioxafat, fillo de Nimxí, urdiu contra Ioram a súa conxura. Ioram estaba con todo Israel defendendo Ramot de Galaad contra Hazael, rei de Aram. 15  O rei Ioram volvérase a Iezrael, para curarse das feridas que lle fixeran os arameos, na guerra con Hazael, rei de Aram. Iehú propuxo: -“Se vos parece ben, que ninguén saia da cidade para leva-la nova a Iezrael”. 16  E axiña, el montou no seu carro e foise a Iezrael, onde estaba Ioram doente e onde fora visitalo Ocozías, rei de Xudá. 17  En Iezrael, o vixía que facía a garda na torre viu vi-la tropa de Iehú, e berrou: -“Vexo vir unha tropa”. Ioram ordenou: -“Colle e manda un xinete ó seu encontro, e que pregunte se hai boas novas”. 18  Saíu o xinete ó seu encontro e dixo: -“Isto di o rei: ¿Hai boas novas?” Iehú respondeulle: -“¿Que che importan a ti as boas novas? Ponte detrás de min”. O vixía comunicou: -“O recadeiro chegou onda eles e non volve”. 19  Entón mandou outro xinete, que chegou xunto deles e dixo: -“Isto di o rei: ¿Hai boas novas?” Respondeulle Iehú: -“¿Que che importan a ti as boas novas? Ponte aí detrás”. 20  A sentinela comunicou: -“Chegou onda eles e non volve. O que guía o carro faino coma Iehú, fillo de Nimxí, pois guía coma un tolo”. 21  Ioram ordenou entón: -“¡Enganchade!” Engancháronlle o carro e saíron Ioram, rei de Israel, e Ocozías, rei de Xudá, cada un no seu carro. Correron ó encontro de Iehú e tropezáronse no herdo de Nabot de Iezrael. 22  Cando Ioram viu a Iehú, preguntoulle: -“¿Boas novas, Iehú?” Iehú respondeulle: -“¿Como queres que haxa boas novas, mentres duran as prostitucións de túa nai Iezabel e as súas feiticerías?” 23  Ioram niso pegou a volta e escapou, ó tempo que lle berraba a Ocozías: -“¡Traición, Ocozías!” 24  Pero Iehú tensou o arco e acertoulle coa frecha a Ioram, no medio das costelas, de xeito que lle atravesou o corazón, e caeu morto no seu carro. 25  Iehú díxolle entón ó seu axudante Bidcar: -“Cólleo e bótao no herdo de Nabot de Iezrael. Pois lembraraste de que, cando iamos xuntos ti e mais eu, montados detrás de seu pai Acab, o Señor pronunciou conta el esta sentencia: 26  ¿Non vin eu aquí onte o sangue de Nabot e o dos seus fillos? Palabra do Señor. Pois neste mesmo agro dareiche eu o teu merecido, Palabra do Señor. Cólleo, pois, e guíndao neste herdo, conforme a palabra do Señor”. 27  Á vista disto, Ocozías, rei de Xudá, liscou polo camiño de Bet-Hagán. Pero Iehú foino perseguindo e berrando: -“¡A el tamén!” E ferírono no seu carro, na costa de Gur, cerca de Ibleam. El seguiu fuxindo cara a Meguido, onde morreu. 28  Os seus servidores levárono no seu carro a Xerusalén e enterrárono na cidade de David, no túmulo de seus pais. 29  Ocozías empezara a reinar en Xudá no ano once do reinado de Ioram, fillo de Acab. 30  Iehú entrou en Iezrael. Iezabel, ó sabelo, enfeitou os ollos, peiteou os cabelos e debruzouse no corredor. 31  Cando Iehú entraba pola porta, ela díxolle: -“¿Traes boas novas, Zimrí, asasino do teu señor?” 32  El ergueu entón os ollos cara ó corredor, e preguntou: -“¿Quen está aí da miña parte, quen?” Apareceron dous ou tres eunucos, 33  e el díxolles: -“Botádea embaixo”. E eles guindárona. O seu sangue salferiu a parede e os cabalos, que a esmagaron. 34  Iehú entrou, comeu e bebeu, e logo dixo: -“Facédevos cargo desa maldita e enterrádea; á fin, é filla de rei”. 35  Cando foron para enterrala, non atoparon dela máis cá caveira, os pés e as mans. 36  Voltaron para dicirllo, e Iehú comentou: -“É o que o Señor tiña anunciado polo seu servo Elías o texbita, cando dixo: no agro de Iezrael comerán os cans a carne de Iezabel. 37  O seu cadáver será coma esterco no agro, no herdo de Iezrael, de xeito que ninguén póderá dicir: esa é Iezabel”.

Notas ó pé