Libro Segundo dos Reis 23:1-37

23  O rei mandou entón que se reunisen con el os anciáns todos de Xudá e de Xerusalén.  Despois subiu ó templo do Señor, con tódolos homes de Xudá e os veciños de Xurusalén, os sacerdotes, os profetas e o pobo todo, os pequenos e os grandes, e leu diante deles o libro da alianza atopado no templo do Señor.  De pé sobre o estrado, o rei concluíu logo a alianza dediante do Señor, comprometéndose a segui-lo Señor, a cumpri-los seus mandatos, as súas normas e as súas leis, de todo corazón e con toda a alma, e a mante-las claúsulas da alianza escritas neste libro. O pobo todo confirmou a alianza.  Despois mandou o rei ó sumo sacerdote Hilquías, ós sacerdotes de segunda orde e ós gardas da entrada, que botasen fóra do santuario do Señor tódolos trebellos adicados ó culto de Baal, de Axtarté e de todo o exército do ceo. Fíxoos queimar fóra de Xerusalén, no agro do Cedrón, e fixo leva-las súas cinsas a Betel.  O rei depuxo os sacerdotes que nomearan os reis de Xudá para ofrecer incenso nos altares dos outeiros, nas cidades de Xudá e nos arredores de Xerusalén; queimaban incenso a Baal, ó sol, á lúa, ós sinais do zodíaco e a todo o exército do ceo.  Fixo tirar do templo do Señor, para fóra de Xerusalén, a imaxe de Axtarté e queimouna no val do Cedrón. Reduciuna a cinsa, que botou na fosa común.  Derrubou as habitacións dos consagrados á prostitución, que había no templo do Señor, onde as mulleres tecían panos para Axtarté.  Fixo vir a tódolos sacerdotes das cidades de Xudá e profanou os altares dos outeiros, onde os sacerdotes ofrecían incenso, desde Gueba ata Beerxeba. Destruíu o altar dos sátiros, que había na porta de Xosué, gobernador da cidade, á man esquerda da entrada.  Os sacerdotes dos santuarios dos outeiros non podían subir ó altar do Señor en Xerusalén; pero comían dos pans ázimos igual cós seus irmáns. 10  O rei profanou tamén Tófet, no val de Benhinnom, para que ninguén pasase alí polo lume a seu fillo ou a súa filla en honor de Moloc. 11  Fixo desaparece-los cabalos que os reis de Xudá adicaran o sol, á entrada do templo do Señor, onda a cámara do eunuco Natanmélec, nos anexos do templo, e queimou o carro do sol. 12  Derrubou tamén o rei os altares que ergueran os reis de Xudá, na azotea da cámara de Acaz, e os altares que puxera Menaxés nos dous adros do templo do Señor; esborrallounos e tirou o seu po no torrente Cedrón. 13  O rei profanou aínda os altares dos outeiros de enfronte de Xerusalén, ó sur do monte das Oliveiras, construídos por Salomón, rei de Israel, en honor de Axtarté, ídolo abominable dos sidonios, de Kemox, ídolo dos moabitas, e de Moloc, ídolo dos amonitas. 14  Rompeu as estelas, quebrou as imaxes de Axtarté e encheu de ósos humanos os seus lugares. 15  Destruíu, ademais, o altar de Betel e o altar que fixera Ieroboam, fillo de Nabat, co que fixera pecar a Israel. Destruíu o templo, o altar e mailo santuario; reduciuno a cinsa e queimou tamén a imaxe de Axtarté. 16  Ioxías volveu os ollos e viu os sartegos que se estendían polo monte; mandou colle-los ósos que había neles e queimounos enriba do altar, para profanalo, conforme a palabra do Señor, proclamada polo home de Deus que anunciara estas cousas. 17  Despois o rei preguntou: -“¿Que monumento é ese que estou vendo?”. A xente da cidade respondeulle: -“É o sartego do home de Deus, que viñera de Xudá e anunciara as cousas que acabas de facer sobre o altar de Betel”. 18  E o rei mandou: -“Deixádeo; que ninguén remova os seus ósos”. Dese xeito, os seus ósos conserváronse cos ósos do profeta que viñera de Samaría. 19  Ioxías fixo desaparece-los santuarios todos dos outeiros das cidades de Samaría, construídos polos reis de Israel para anoxa-lo Señor, e fixo con eles o que fixera primeiro en Betel. 20  Sacrificou sobre os altares os sacerdotes dos outeiros que había alí; queimou ósos humanos enriba deles. Despois o rei regresou a Xerusalén, 21  e deulle ó pobo soamente esta orde: -“Celebrade a Pascua, en honor do Señor, voso Deus, conforme está escrito neste libro da alianza”. 22  Non se celebrara unha Pascua coma ela, desde os días en que os Xuíces xulgaban Israel, nin tampouco no tempo dos reis de Israel e de Xudá. 23  Foi no ano dezaoito do reinado de Ioxías, cando se celebrou esa Pascua en honra do Señor, en Xerusalén. 24  Ioxías acabou tamén cos nigromantes e os agoireiros, e igualmente cos ídolos, cos fetiches, e con tódalas cousas abominables que se vían en Xudá e en Xerusalén, para cumpri-las palabras da Lei, escritas no libro que achara o sacerdote Hilquías no templo do Señor. 25  Antes de Ioxías non houbera rei ningún, nin veu outro despois, que se convertese ó Señor coma el, de todo corazón, con toda a alma e con tódalas forzas, en todo conforme coa Lei de Moisés. 26  Con todo e iso, o Señor non se aplacou do grande noxo que collera contra Xudá, polo moito que o aldraxara Menaxés. 27  E por iso dixo o Señor:-“Botarei a Xudá da miña presencia,como botei a Israel. Rexeitarei Xerusalén,a cidade que eu escollera,e o templo do que dixeraque alí estaría o meu Nome”. 28  O resto da historia de Ioxías e todo o que fixo, ¿non está escrito no Libro das Crónicas dos reis de Xudá? 29  No seu tempo rubiu o faraón Nekó, rei de Exipto, cara ó Éufrates, para axudar ó rei de Asiria. O rei Ioxías saíulle ó paso, e Nekó matouno, no primeiro encontro, en Meguido. 30  Os seus servidores puxeron o cadáver no seu carro, en Meguido, e levárono a Xerusalén; e enterrárono no seu sartego. A xente do país colleu a Ioacaz, fillo de Ioxías, unxírono e proclamárono sucesor de seu pai. 31  Ioacaz tiña vintetrés anos cando empezou a reinar. Reinou tres meses en Xerusalén. A súa nai chamábase Hamutal, filla de Xeremías, de Libnah. 32  Fixo o mal ós ollos do Señor, o mesmo que fixeran os seus pais. 33  O faraón Nekó prendeuno en Riblah, territorio de Hamat, para que non reinase en Xerusalén, e impúxolle ó país un tributo de cen talentos de prata e un de ouro. 34  O faraón Nekó puxo por rei a Eliaquim, fillo de Ioxías, no lugar de Ioxías, seu pai. Cambioulle o nome por Ioaquim, e a Ioacaz levouno para Exipto, onde morreu. 35  Ioaquim pagoulle ó faraón o tributo de prata e de ouro. Pero, para poder darlle ó faraón o que pedira, tivo que imporlle ó pobo unha contribución. Cada un aportou o que lle foi taxado en prata e ouro, para pagarlle ó faraón. 36  Ioaquim tiña vintecinco anos cando empezou a reinar, e reinou once anos en Xerusalén. A súa nai chamábase Zebidah, filla de Pedaías, de Rumah. 37  Fixo o mal ós ollos do Señor, coma fixeran seus pais.

Notas ó pé