Libro Segundo das Crónicas 6:1-42

6  Entón Salomón dixo: -“O Señor quere habitar nunha densa nube;  e eu construínche un palacio, un sitio onde vivas para sempre”.  Logo volveuse para bota-la bendición a toda a asemblea de Israel, toda a asemblea de Israel estaba en pé,  e dixo: -“Bendito o Señor, Deus de Israel, que coa súa boca fixo unha promesa a meu pai, David, e coa súa man cumpriuna:  Desde o día que saquei do país de Exipto ó meu pobo non elixín ningunha cidade das tribos de Israel para facerme un templo onde residise o meu Nome, e non elixín a ninguén para que fose caudillo do meu pobo, Israel,  senón que elixín a Xerusalén para pór alí o meu nome e elixín a David para que estivese á fronte do meu pobo, Israel.  Meu pai, David, pensou edificar un templo en honra do Señor, Deus de Israel,  e o Señor díxolle: Ese proxecto que tes de construír un templo na miña honra, fas ben en telo;  só que ti non construirás ese templo, senón que un fillo das túas entrañas será quen constrúa ese templo na miña honra. 10  O Señor cumpriu a promesa que fixo; eu sucedín no trono de Israel a meu pai David, como prometeu o Señor, e construín este templo na honra do Señor, Deus de Israel. 11  E nel coloquei a arca onde se conserva a alianza que Iavé pactou cos fillos de Israel”. 12  Salomón, de pé diante do altar do Señor, na presencia de toda a asemblea de Israel, estendeu as súas mans. 13  Salomón fixera un estrado de bronce de dous metros e medio de longo por dous e medio de ancho e un cincuenta de alto, e colocárao no medio do adro; subiu a el, e axeonllouse perante toda a asemblea de Israel, elevou as mans ó ceo 14  e dixo: -“Señor, Deus de Israel. Nin no ceo nin na terra hai deus ningún coma ti, fiel á alianza cos teus vasalos, se proceden de todo corazón de acordo contigo; 15  a meu pai, David, teu servo, mantivécheslle a palabra da túa boca, prometíchelo e coa túa man cumpríchelo hoxe. 16  Agora, pois, Señor, Deus de Israel, mantén en favor do teu servo, meu pai David, a promesa que lle fixeches: Non che faltará na miña presencia un descendente no trono de Israel, a condición de que teus fillos saiban comportarse, camiñando pola miña Lei como camiñaches ti. 17  Agora, pois, Señor, Deus de Israel, confirma a promesa que fixeches ó teu servo David. 18  Aínda que, ¿é posible que Deus habite cos homes na terra? Se non cabes no ceo nin no máis alto do ceo, ¡canto menos neste templo que che construín! 19  Volve o teu rostro á oración e súplica do teu servo, Señor, meu Deus, escoita a oración e o clamor que che dirixe o teu servo. 20  Día e noite estean os teus ollos abertos para este templo, sobre o sitio onde quixeches que residise o teu Nome. 21  ¡Escoita a oración que o teu servo che dirixe neste sitio! Escoita as súplicas do teu servo e do teu pobo Israel, cando recen neste sitio; escoita ti desde a túa morada do ceo, escoita e perdoa. 22  Cando un peque contra outro, se se lle esixe xuramento e vén xurar ante o teu altar neste templo, 23  escoita ti desde o ceo e fai xustiza ós teus servos, condenando ó culpable, volvéndolle o seu merecido e absolvendo ó inocente, pagándolle segundo a súa inocencia. 24  Cando o teu pobo, Israel, sexa derrotado polo inimigo por pecar contra ti, se se converten e confesan o seu pecado, e rezan e suplican ante ti neste templo, 25  escoita ti desde o ceo e perdoa o pecado do teu pobo, Israel, e fainos volver á terra que lles deches a eles e a seus pais. 26  Cando, por teren pecado contra ti, se peche o ceo e non haxa chuvia, se rezan neste lugar, confesan o seu pecado e se arrepinten cando ti os aflixes, 27  escoita ti desde o ceo e perdoa o pecado do teu servo, do teu pobo Israel, mostrándolle o bo camiño que deben seguir e manda a chuvia á terra que deches en herdanza ó teu pobo. 28  Cando no país haxa fame, peste, seca e alforra, lagostas e pulgóns; cando o inimigo peche o cerco nalgunha das súas cidades; en calquera calamidade ou enfermidade; 29  se un calquera, ou todo o teu pobo Israel, ante os remorsos e a dor, estende as mans cara a este templo e che dirixe oracións e súplicas, 30  escoita ti desde o ceo onde moras, perdoa e paga a cada un segundo a súa conducta, ti que coñéce-lo corazón humano; 31  así respectarante e marcharán polas túas vereas mentres vivan na terra que lles deches a nosos pais. 32  Pero tamén ó estranxeiro que non pertence ó teu pobo Israel: cando veña dun país apartado, atraído pola túa grande fama, a túa man forte e o teu brazo estendido, cando veña rezar neste templo, 33  escóitao ti desde o ceo, onde moras, fai o que che pida, para que tódalas nacións do mundo coñezan a túa fama e te respecten coma o teu pobo Israel e saiban que o teu Nome foi invocado neste templo que construín. 34  Cando o teu pobo saia á campaña contra os seus inimigos polo camiño que lle sinales, se che rezan, voltos cara a esta cidade que elixiches e ó templo que construín na túa honra, 35  escoita ti desde o ceo a súa oración e súplica e failles xustiza. 36  Cando pequen contra ti -porque ninguén está libre de pecado- e ti, irritado con eles, os entregues ó inimigo, e os vencedores os desterren a un país remoto ou cercano; 37  se no país onde viven deportados reflexionan e se converten, e no país do seu desterro che suplican dicindo: Pecamos, faltamos, somos culpables; se no país do desterro a onde os deportaron 38  se converten a ti con todo o corazón e con toda a alma, e rezan voltos á terra que deches a seus pais, cara á cidade que elixiches e ó templo que construín na túa honra, 39  desde o ceo onde moras escoita ti a súa oración e súplica, failles xustiza e perdoa ó teu pobo os pecados cometidos contra ti. 40  Que os teus ollos, meu Deus, estean abertos e os teus oídos atentos ás súplicas que se fagan neste lugar. 41  E agora, levántate, Señor, Deus, ven á túa mansión, ven coa arca do teu poder; que os teus sacerdotes, Señor Deus, se vistan de gala, que os teus fieis reborden de felicidade. 42  Señor Deus, non negues audiencia ó teu unxido; recorda a lealdade de David, o teu servo”.

Notas ó pé