Libro Primeiro de Samuel 29:1-11

29  Os filisteos concentraron toda a súa tropa en Afécah e Israel acampou onda a fonte de Iezrael.  Os príncipes filisteos marchaban co seu exército dividido en centurias e en milleiros. David e os seus homes ían con Áquix na retagarda.  Os xenerais dos filisteos preguntaron: -“¿Que fan aí eses hebreos?” Áquix respondeulles: -“Ese é David, vasalo de Xaúl, o rei de Israel. Leva comigo cousa dun ou dous anos e, desde o día en que se pasou onda min ata o presente, non atopei nada en contra del”.  Os príncipes dos filisteos dixéronlle a Áquix, anoxados: -“Despide a ese home; que volva ó lugar que lle sinalaches. Que non baixe connosco á guerra e, se cadra, no medio do combate, se nos converta en inimigo. ¿Con que se reconciliaría co seu amo mellor que coas cabezas dos nosos homes?  ¿Non é ese aquel David do que cantaban en corro:Xaúl matou os seus mil,pero David os seus dez mil?”  Áquix chamou a David, para dicirlle: -“¡Pola vida do Señor! Ti es home de ben e gustaríame moito verte entrar e saír a canda min no campamento, pois, desde o día da túa chegada ata hoxe, non atopei maldade en ti. Pero os outros príncipes non te ven con bos ollos.  Vólvete, logo, e vaite en paz, para non causarlles un disgusto ós príncipes dos filisteos”.  David díxolle a Áquix: -“¿Que é, logo, o que fixen e que atopaches no teu servo, desde o día que cheguei onda ti ata o presente, para que non poida ir ó combate contra os inimigos do rei, meu señor?”  Áquix respondeulle a David: -“Sabes ben que, ós meus ollos, ti es bo coma un anxo de Deus. Pero os príncipes filisteos decidiron: non subirá connosco ó combate. 10  E con iso, pola mañá, erguédevos cedo, ti e os servos do teu señor que viñeron contigo, e, ó clarexar do día, ídevos”. 11  David e os seus homes madrugaron e fóronse de mañá, de volta cara ó país dos filisteos. Os filisteos, pola súa parte, subiron a Iezrael.

Notas ó pé