Libro Primeiro dos Reis 6:1-38

6  O ano catrocentos oitenta da saída dos israelitas de Exipto, no mes de Ziv, que é o segundo do ano, no mes cuarto do reinado de Salomón en Israel, empezou a construírse o templo do Señor.  O templo que o rei Salomón construía en honor do Señor, medía trinta metros de lonxitude, dez de anchura e quince de altura.  O pórtico que había diante da nave do santuario tiña dez metros de lonxitude, no sentido da anchura do santuario, e cinco de fondo, ata a parede do templo.  No templo fixo fiestras, con marcos e con reixas.  Pegado ó muro do templo, arredor do santuario e do santísimo, construíu un anexo, con andares arredor.  O piso baixo medía dous metros e medio de anchura, o do medio medía tres, e o terceiro tres metros e medio de anchura. Arredor do templo, por afora, fixera canzorros, para que as trabes non entrasen nos mesmos muros do templo.  Na construcción do templo empregáronse pedras labradas na canteira, de xeito que, na hora do traballo, non se oían martelos, machetas nin outras ferramentas.  A entrada do piso baixo estaba á dereita do templo. Por unha esqueira de caracol subíase ó andar do medio, e desde este ó terceiro.  Cando o templo quedou construído, Salomón recubriuno cun artesoado de madeira de cedro. 10  O anexo que construíra arredor do templo tiña dous metros e medio de altura, e estaba ligado por trabes de cedro ó templo mesmo. 11  Daquela, Deus faloulle a Salomón: 12  -“Por este templo que me estás construíndo,se camiñas conforme os meus mandatos e cúmpre-las miñas decisións,se gárda-los meus preceptos e te guías por eles,eu mantereiche a promesa que fixen a teu pai David. 13  Habitarei no medio dos israelitase non abandonarei este meu pobo de Israel”. 14  Cando Salomón acabou de construí-lo templo, 15  revestiu os muros por dentro de táboas de cedro, desde o pavimento ata o teito; revestiu de madeira todo o seu interior e pisouno de táboas de ciprés. 16  Revestiu de táboas de cedro os dez metros de fondo, desde o pavimento ó teito, e adicou esta parte a camarín ou santísimo. 17  Os outros vinte metros diante del constituían o santuario. 18  O cedro do interior do santuario estaba enfeitado de grilandas de flores abertas. Era todo de cedro, e a pedra non se vía. 19  O camarín, no fondo interior do templo, estaba preparado para colocar alí a Arca da Alianza do Señor. 20  O camarín tiña dez metros de longo, dez de ancho e dez de alto. Salomón revestiuno de ouro puro. O altar revestiuno de cedro. 21  Revestiu tamén de ouro puro o interior do templo; puxo cadeas de ouro diante do camarín e recubriu este de ouro. 22  De ouro revestiu o templo todo, desde o cimo ata o fondo; e tamén o altar, diante do camarín. 23  Para o camarín fixo Salomón dous querubíns, de madeira de oliveira, de cinco metros de altura. 24  A á dun querubín medía dous metros e medio, e dous metros e medio a outra, de xeito que do cabo dunha ó cabo doutra había cinco metros. 25  O outro querubín medía igualmente cinco metros. Os dous tiñan o mesmo grandor e a mesma feitura. 26  Tanto un coma outro medían cinco metros de altura. 27  Salomón puxo os querubíns dentro do camarín, coas ás estendidas, de xeito que unha daba nun muro e a outra no muro oposto. As outras dúas ás tocábanse entre elas, no medio do recinto. 28  Os querubíns estaban revestidos de ouro. 29  Sobre as paredes do templo, por toda a volta, fixo gravar por dentro e por fóra, baixorrelevos de querubíns, de palmeiras e de guirlandas de flores. 30  O lousado do templo, tanto na parte interior coma na exterior, recubriuno tamén de ouro. 31  Para a entrada do camarín fixo portas de madeira de oliveira, con xambas de cinco arestas. 32  Nas dúas follas das portas de oliveira fixo gravar baixorrelevos de querubíns, de palmeiras e de guirlandas de flores, e recubriunas de ouro, ben axustado ás entalladuras. 33  Para a entrada do santuario fixo xambas de oliveira, con catro arestas 34  e con dúas portas de madeira de ciprés, cada unha con dúas follas xiratorias. 35  Esculpiu nelas querubíns, palmeiras e guirlandas de flores, e recubriunas de ouro, axustado ás entalladuras. 36  Construíu a adro interior, con tres ringleiras de pedras talladas e unha de trabes de cedro. 37  No mes de Ziv do ano cuarto do seu reinado, puxo Salomón os cimentos do templo do Señor, 38  e no mes de Bul, que é o oitavo, do ano once do reinado, quedou rematado en tódalas súas partes, conforme o seu proxecto. Construíu todo en sete anos.

Notas ó pé