Éxodo 37:1-29

37  Besalel construíu a arca de madeira de acacia, de dous cóbados e medio de longo, un e medio de ancho e un e medio de alto.  Revestiuna de ouro puro por dentro e por fóra, e ó arredor púxolle unha cinta de ouro.  Fundiu catro argolas de ouro para os seus catro ángulos, dúas para un flanco e dúas para o outro.  Fixo largueiros de madeira de acacia e revestiunos de ouro.  Meteu os largueiros nas argolas, polos dous flancos da arca, para podela transportar.  Fixo despois o propiciatorio, de ouro puro, de dous cóbados e medio de longo e un e medio de ancho.  Cicelou dous querubíns de ouro e púxoos nos dous extremos do propiciatorio,  un en cada extremo, formando co propiciatorio un mesmo corpo.  Os querubíns despregaban as ás cara arriba, cubrindo o propiciatorio; miraban cara ó centro deste, un enfronte do outro. 10  Fixo tamén unha mesa de madeira de acacia, de dous cóbados de longo, un de ancho e un e medio de alto. 11  Revestiuna de ouro puro e púxolle ó redor unha cinta de ouro. 12  Ó redor fíxolle un reborde dun palmo e púxolle tamén unha cinta de ouro. 13  Fundiu catro argolas de ouro e púxollas nos catro ángulos, unha por cada pé. 14  As argolas quedaban agarradas no reborde. Por elas meteu os largueiros para transporta-la mesa. 15  Os largueiros fíxoos de madeira de acacia e revestiunos de ouro. 16  Fixo tamén de ouro puro os instrumentos da mesa: pratos, cuncas, xerras e vasos para as libacións. 17  Fixo despois un candelabro de ouro puro. Traballouno a martelo, coa súa base e co seu fuste. Facían unha peza con el as súas copas, cálices e corolas. 18  Dos seus lados saían seis brazos, tres dun lado e tres doutro. 19  Cada brazo tiña tres copas, coma flores de améndoa, co seu cáliz e a súa corola; eran iguais os seis brazos que saían do candelabro. 20  No fuste do candelabro había catro copas, coma flores de améndoa, cada unha co seu cáliz e coa súa corola. 21  Debaixo de cada parella de brazos que saían do candelabro levaba un cáliz; era a mesma cousa cos seus brazos. 22  Os cálices e mailas corolas facían unha mesma peza e estaban cicelados en ouro puro. 23  Fixo tamén sete lámpadas, coas súas pinzas e cos seus cinseiros, todo de ouro puro. 24  Cun talento de ouro puro fixo o candelabro e tódolos seus utensilios. 25  Fixo despois o altar do incenso de madeira de acacia. Era cadrado, dun cóbado de longo, un de ancho e dous de alto; dos seus ángulos saían cornos. 26  Revestiuno de ouro puro por enriba, polos lados e nos cornos; púxolle ó redor unha cinta de ouro. 27  Nos dous lados, por baixo da cinta, púxolle dúas argolas de ouro, para meter nelas os largueiros e podelo transportar. 28  Os largueiros fíxoos de madeira de acacia e revestiunos de ouro. 29  Despois preparou o óleo da unción santa e o incenso puro de aromas, coma o que fan os perfumistas.

Notas ó pé