Éxodo 27:1-21
27 Fara-lo altar de madeira de acacia, cadrado, de cinco cóbados de longo, cinco de ancho e tres de alto.
2 Nos catro ángulos faraslle saíntes coma cornos, que revestirás de bronce.
3 Para o altar farás, sempre de bronce, caldeiros para a cinsa, paletas, aspersorios, tenaces e braseiros.
4 Dotara-lo altar dun enreixado, feito de bronce e en forma de rede. Nos catro cantos levará catro argolas de bronce.
5 Pora-lo enreixado debaixo do reborde saínte do altar, desde a media altura ata o chan.
6 Farás aínda para o altar largueiros de madeira de acacia, recubertos de bronce;
7 meterasllos polas argolas dos costados, para podelo transportar.
8 O altar faralo oco e de táboas, conforme o modelo que che mostrei na montaña.
9 Co tabernáculo farás tamén o adro. Polo lado sur poraslle cortinas de liño fino torcido, cunha lonxitude de cen cóbados por lado.
10 As súas vinte columnas estarán asentadas en vinte basas de bronce. Os ganchos e as argolas das columnas serán feitos de prata.
11 Do mesmo xeito, polo norte, o adro levará unha cortina de cen cóbados de longa, vinte columnas asentadas en vinte basas de bronce, con alcaiatas e argolas de prata.
12 O ancho, polo ocaso, o adro levará unha cortina de cincuenta cóbados de longa, e dez columnas con outras tantas basas.
13 O ancho, polo nacente, a cortina terá tamén cincuenta cóbados.
14 A un lado da porta irán quince cóbados de cortina, con tres columnas e as súas basas.
15 Do lado oposto, a mesma cousa.
16 Para a porta do adro farás unha cortina de vinte cóbados, de púrpura violácea, escarlata e carmesí, de liño fino torcido e bordada; levará catro columnas coas súas basas.
17 Tódalas columnas ó redor do adro levarán aneis de prata, con ganchos de prata e con basas de bronce.
18 O adro terá cen cóbados de longo, cincuenta de ancho e cinco de alto. Será de liño fino torcido, coas basas de bronce.
19 Tódolos utensilios para calquera dos servicios do tabernáculo, as súas estacas e as do adro, serán todos de bronce.
20 Ordénalles ós israelitas que che traian aceite puro de oliva, para mante-la lámpada acesa.
21 Aharón e os seus fillos colocarana na Tenda do Encontro, por fóra do veo que tapa o testemuño, para que brille diante do Señor, desde a noite á mañá. Esta é lei perpetua para tódalas xeracións de Israel.